Condicións de servizo adicionais de Google Drive

Data de entrada en vigor: 31 de marzo de 2020 (ver a versión anterior)

Para poder usar Google Drive, cómpre que aceptes (1) as Condicións de servizo de Google e (2) as Condicións de servizo adicionais de Google Drive (“Condicións adicionais de Google Drive”).

Le atentamente estes documentos. Referirémonos a ambos os dous xuntos como “Condicións”. Neles establécese o que podes esperar de nós cando usas os nosos servizos e o que nós esperamos de ti.

Aínda que non forma parte destas Condicións, recomendámosche que leas tamén a nosa Política de privacidade. Axudarache a entender mellor a forma de actualizar, xestionar, exportar e eliminar a túa información.

1. O teu contido

Con Google Drive, podes cargar, almacenar, enviar e recibir contido. Tal e como se describe nas Condicións de servizo de Google, o teu contido será sempre teu. Non reivindicamos a propiedade de ningún contido (texto, datos, información, ficheiros…) que cargues, almacenes ou compartas na túa conta de Drive. As Condicións de servizo de Google outórganlle a Google unha licenza de propósito limitado para administrar e mellorar os servizos de Google Drive. Iso significa que se queres compartir un documento ou abrilo nun dispositivo diferente, podemos ofrecerche esas funcións.

Google Drive facilita a colaboración, polo que che permite tamén traballar en contido que pertenza a outros usuarios. Considerarase "propietaria" á persoa que controle tanto ese contido como o seu uso.

Grazas á configuración de uso compartido do servizo, tes a posibilidade de controlar que poden facer outros usuarios co contido que almacenes en Google Drive. A configuración de privacidade dos teus ficheiros dependerá do cartafol ou unidade na que estean gardados. Os ficheiros que teñas na túa unidade persoal serán privados mentres non decidas compartilos. Tamén podes compartir contido con outros usuarios e transferirlles o control. Aos ficheiros que crees ou coloques en unidades ou cartafoles que compartan outros usuarios aplicaráselles a configuración de uso compartido (e pode que a de propiedade) do cartafol ou unidade que os conteña. Excepto polo establecido ao respecto na Política de privacidade, non compartiremos os teus ficheiros nin os teus datos.

Non empregaremos o teu contido en campañas de márketing nin promocionais.

2. Políticas do programa

Podemos revisar o contido para ver se é ilegal ou incumpre as nosas Políticas do programa. Chegado o caso, poderiamos quitar determinados contidos ou negarnos a mostralos se temos razóns fundadas para crer que infrinxen a lexislación vixente ou as nosas políticas. Non obstante, esta posibilidade non implica necesariamente que revisemos o contido, polo que non debes dar por feito que vaiamos facelo.