Condicións de servizo de Google Drive

Última modificación: 10 de decembro de 2018 Data de entrada en vigor: 22 de xaneiro de 2019

1. Introdución

Grazas por usar Google Drive. Google Drive é un servizo que ofrece Google LLC (“Google” ou “nós”, a partir de agora), empresa situada en 1600 Amphitheatre Parkway, Mountain View, California 94043, Estados Unidos. Se resides nalgún país pertencente ao Espazo Económico Europeo ou en Suíza, este servizo ofrécecho Google Ireland Limited (“Google” ou “nós”), unha sociedade constituída e regulada de acordo coa lexislación irlandesa (número de rexistro: 368047) con domicilio en Gordon House, Barrow Street, Dublín 4, Irlanda. Estas Condicións de servizo de Google Drive (ás que nos referiremos como “Condicións”) regulan o uso que fas de Google Drive, o teu acceso ao servizo e o contido que almacenas nel. Na nosa Política de privacidade, explícase como recompilamos e usamos a información que nos facilitas. Podes atopar información sobre as túas responsabilidades á hora de utilizar o servizo nas nosas Políticas do programa.

Cómpre que aceptes estas Condicións para poder utilizar Google Drive, así que che recomendamos que as leas con atención. No caso de que non as entendas ou non esteas de acordo con algunha parte, non deberías usar Google Drive.

2. O teu uso de Google Drive

Restricións de idade. Para poder usar Google Drive, debes ter 13 anos ou máis. Se es maior de 13 anos, pero menor de 18, debes ter permiso do teu pai, nai, titor ou titora para poder usar Google Drive e aceptar as Condicións.

Uso persoal. Ao aceptar estas Condicións, aceptas tamén que o uso que lle podes dar a Google Drive é unicamente persoal: en ningún caso poderás utilizalo con fins comerciais. Para esa finalidade, recomendamos o uso de G Suite.

A túa conta de Google. Necesitarás unha conta de Google para poder usar Google Drive. Co fin de protexela, non reveles o teu contrasinal. Es responsable das actividades que se leven a cabo na túa conta de Google ou a través dela. Procura non utilizar o contrasinal da túa conta de Google noutras aplicacións de terceiros. Se detectas un uso non autorizado do teu contrasinal ou da túa conta, sigue estas instrucións.

A túa conduta. Non debes utilizar Google Drive de xeito inadecuado; só podes usar o servizo seguindo o establecido na lexislación, que inclúe as leis e normativas vixentes que regulan a exportación e reexportación. Es responsable da túa conduta e do contido que almacenes en Google Drive. Ademais, debes cumprir as nosas Políticas do programa. Podemos revisar a túa conduta e contido en Google Drive para comprobar que cumpres as Condicións e as Políticas do programa.

Google Drive está dispoñible para dispositivos móbiles. Non uses Google Drive de xeito que te distraia e che impida respectar as normas de tráfico ou de seguranza.

O teu contido. Con Google Drive, podes cargar, almacenar, enviar e recibir contido. Seguirás sendo o titular dos dereitos de propiedade intelectual que teñas sobre ese contido. En poucas palabras: o que che pertence continuará pertencéndoche.

Ao cargar, almacenar, enviar ou recibir contido en ou a través de Google Drive, dáslle a Google licenza, a nivel internacional, para usar ese contido, aloxalo, almacenalo, reproducilo, modificalo, comunicalo, publicalo, distribuílo e expoñelo e mostralo publicamente, así como para crear obras derivadas del (como as que resulten de traducións, adaptacións ou doutros cambios que fagamos para que o teu contido se axuste mellor aos nosos servizos). Os dereitos que outorgas con esa licenza teñen como único propósito o manexo, a promoción e a mellora dos nosos servizos, e o desenvolvemento doutros novos. A licenza seguirá tendo validez mesmo se deixas de usar os servizos que che proporcionamos, a menos que elimines o teu contido. Asegúrate de contar cos dereitos necesarios para outorgarnos a devandita licenza para calquera contido que cargues en Google Drive.

Grazas á configuración de uso compartido, tes a posibilidade de controlar o que poden facer outras persoas co contido que almacenas en Google Drive. De forma predeterminada, está definido que ti controlarás todo o contido que crees ou cargues en Google Drive. Podes compartilo e transferir o seu control a outros usuarios.

Os nosos sistemas automatizados analizan o teu contido para ofrecerche funcións do produto que che poidan resultar útiles, como os resultados de busca personalizados, e detectar a presenza de software malicioso e spam. Esta análise lévase a cabo ao recibir, compartir, cargar e almacenar contido. Na nosa Política de privacidade, podes atopar máis información sobre como Google utiliza e almacena o contido. Poderemos usar calquera comentario ou suxestión acerca de Google Drive que nos envíes sen que iso supoña ningunha obriga con respecto a ti pola nosa parte.

Notificacións. Podémosche enviar notificacións de servizo, mensaxes administrativas e outro tipo de información relacionados co uso que fas de Google Drive. Se o desexas, podes desactivar algunhas destas notificacións.

Os nosos servizos de Google Drive. O uso de Google Drive non che confire a titularidade de ningún dereito de propiedade intelectual sobre Google Drive nin sobre o contido ao que accedas. Só poderás utilizar contido de Google Drive se o autoriza o seu propietario ou se así o permite a lei. Estas Condicións non che outorgan o dereito de usar as marcas nin os logotipos empregados en Google Drive. Non elimines, ocultes nin modifiques ningún dos avisos legais que aparezan en Google Drive.

3. Protección da privacidade

Na Política de privacidade de Google, explícase como tratamos os teus datos persoais e como protexemos a túa privacidade cando usas Google Drive. Ao utilizar Google Drive, aceptas que Google poida usar esa información de acordo coas nosas políticas de privacidade.

4. Protección do copyright

Respondemos ás notificacións de posibles infraccións de copyright e cancelamos as contas dos usuarios que cometen infraccións reiteradas de acordo co proceso establecido na Lei estadounidense de protección dos dereitos de autor (Digital Millenium Copyright Act).

Poñemos á disposición dos titulares de copyright información para que poidan xestionar en liña a súa propiedade intelectual. Se consideras que algún usuario está infrinxindo o copyright do que es propietario e desexas informarnos ao respecto, no noso Centro de axuda, podes encontrar información sobre como enviar notificacións e sobre a política de Google para respondelas.

5. Políticas do programa

É posible que revisemos o contido para determinar se é ilegal ou se infrinxe as nosas Políticas do programa, e que o quitemos ou nos neguemos a publicalo se temos razóns suficientes para considerar que contravén as nosas políticas ou a lexislación. Non obstante, esta posibilidade non implica necesariamente que revisemos o contido, polo que non debes asumir que o vaiamos facer.

6. Acerca do software dos nosos servizos

Software de cliente. Google Drive inclúe software de cliente que se pode descargar (de agora en diante, "Software"). Este Software poderá actualizarse automaticamente no dispositivo cando haxa versións ou funcións novas dispoñibles. Google concédeche unha licenza persoal, válida a nivel mundial, libre de dereitos de autor, intransferible e non exclusiva para usar o Software que se che proporcione como parte de Google Drive. O único propósito desta licenza é permitirche facer uso e beneficiarte de Google Drive conforme o establecido nestas Condicións. Non poderás copiar, modificar, distribuír, vender nin arrendar ningunha parte de Google Drive nin do software incluído. Tampouco poderás aplicar técnicas de enxeñaría inversa nin tentar extraer o código fonte do devandito software, excepto en caso de que a lexislación prohiba esas restricións ou de que teñas o noso permiso por escrito.

Software de código aberto. O software de código aberto é un tema moi importante para nós. Parte do software utilizado en Google Drive pódese ofrecer cunha licenza de software de código aberto que poñeremos á túa disposición. Pode darse o caso de que algunha cláusula da licenza do software de código aberto anule expresamente algunhas destas Condicións.

7. Modificación e cancelación de Google Drive

Cambios en Google Drive. Google Drive está nun proceso continuo de modificación e mellora. Podemos aplicar melloras de rendemento ou de seguranza, cambiar algunhas características ou funcións, ou levar a cabo modificacións para cumprir a lei ou evitar actividades ilegais nos nosos sistemas ou un uso inadecuado deles. Podes subscribirte para recibir información sobre Google Drive aquí. Informarémoste de calquera cambio substancial que realicemos en Google Drive e que, de forma razoable, consideremos que pode ter un efecto negativo no uso que fas do servizo. Aínda así, ás veces teremos que facer modificacións en Google Drive sen avisar, que se limitarán aos casos en que teñamos que actuar para garantir a seguranza e a funcionalidade do servizo, evitar o seu uso inadecuado ou cumprir requirimentos legais.

Suspensión e cancelación do servizo. Podes deixar de usar Google Drive cando queiras, aínda que sería unha mágoa que o fixeses. Pola nosa banda, podemos suspender ou desactivar permanentemente o teu acceso a Google Drive se, de forma intencionada ou repetida, infrinxes as nosas Condicións ou as Políticas do programa. Se se dá o caso, comunicarémosche esa circunstancia con antelación. Non obstante, podemos suspender ou desactivar o acceso a Google Drive sen ningún tipo de aviso previo se existe a posibilidade de que o uso que fas do servizo poida provocar que incorramos en responsabilidades legais ou afectar á capacidade dos demais usuarios para acceder e usar Google Drive.

Interrupción do servizo de Google Drive. No caso de que decidamos interromper o servizo de Google Drive, informarémoste cunha antelación mínima de 60 días. Durante este período, terás a posibilidade de retirar os teus ficheiros de Google Drive, pero, unha vez finalizado o prazo de 60 días, xa non poderás acceder a eles. Consideramos que es o propietario dos ficheiros e que, polo tanto, é importante que poidas seguir accedendo a eles. Para obter instrucións sobre como descargar os teus ficheiros, visita a nosa páxina de asistencia.

8. Compra de almacenamento adicional e pagos

Compra de almacenamento adicional. Tamén podes comprar espazo de almacenamento adicional (“plan de almacenamento de pago”, a partir de agora) cando o necesites. Facturaremos o servizo e pasarémosche o cargo de forma automática a partir da data na que pases a ter un plan de almacenamento de pago, con cada renovación periódica dos períodos de servizo ata a cancelación. Para poder comprar un plan de almacenamento de pago, debes aceptar as condicións de pago establecidas nas Condicións de servizo de Google Payments. Se non tes unha conta de pagos de Google, podes crear unha seguindo esta ligazón, onde tamén atoparás máis información sobre Google Payments. Aplicaranse as Condicións de servizo e o Aviso de privacidade de Google Payments cada vez que compres un plan de almacenamento de pago cunha conta de pagos de Google, así que asegúrate de ler atentamente esas condicións antes de realizar calquera compra.

Cancelación. O Plan de Almacenamento de Pago seguirá vixente ata que se cancele, pases a un plan inferior ou se rescinda de acordo con estas Condicións. Podes cancelalo ou pasar a un plan inferior desde a configuración de almacenamento de Google Drive. A cancelación ou o cambio aplicarase no seguinte período de facturación, tras o período de servizo actual. Se non pagas a tempo, reservamos o dereito de pasar a conta a un plan inferior e de limitar o teu espazo de almacenamento. O proceso de cancelación e reembolso do Plan de Almacenamento de Pago explícase na nosa Política de Compra, Cancelación e Reembolso.

Cambios de plan e de prezo. Podemos cambiar o plan de almacenamento e o prezo vixentes, pero avisarémoste antes de facelo. Estes cambios aplicaranse unha vez que remate o teu período de servizo actual, é dicir, cando teñas que realizar o seguinte pago despois do aviso. Informarémoste do aumento de prezo ou da redución no plan de almacenamento, como mínimo, 30 días antes de que se che cargue o importe. Se recibes o aviso cunha antelación inferior a 30 días, os cambios non se farán efectivos ata o pago posterior á data correspondente ao seguinte pago. No caso de que non queiras continuar co prezo ou co plan de almacenamento actualizados, podes acceder á configuración de almacenamento de Google Drive para cancelalos ou mudar o plan de almacenamento de pago a un plan inferior. A cancelación ou mudanza a un plan inferior terá efecto no período de facturación inmediatamente posterior ao período de servizo actual. Mentres tanto, os teus ficheiros seguirán estando á túa disposición e terás a posibilidade de retiralos de Google Drive.

9. As nosas garantías e exencións de responsabilidade

Ofrecemos Google Drive cun nivel de competencia e dilixencia razoable, e esperamos que sexa do teu agrado. No entanto, hai algúns aspectos de Google Drive que non podemos asegurar: non ofrecemos ningunha garantía, máis alá da establecida de forma expresa, sobre as funcións específicas de Google Drive, ou sobre a súa fiabilidade, dispoñibilidade ou capacidade para satisfacer as túas necesidades.

10. Responsabilidade por Google Drive

Non serán responsabilidade de Google nin dos seus provedores e distribuidores:

(a) as perdas que non sexan derivadas do noso incumprimento destas Condicións;

(b) calquera perda ou dano que, no momento no que se constituíu o contrato pertinente contigo, non se previse de forma razoable que sería unha consecuencia do incumprimento destas Condicións por parte de Google; ou

(c) as perdas relacionadas con calquera negocio, como por exemplo, a perda de beneficios, ingresos, oportunidades ou datos.

A cobertura total de Google e a dos seus provedores e distribuidores por toda reclamación sobre estas condicións, incluídas as garantías implícitas, limítase ao importe que pagases para usar os servizos (ou ben, se o motivo da reclamación é o servizo limitado, ao proseguimento dos servizos).

Ningún dos puntos establecidos nestas Condicións ten como finalidade excluír ou limitar a responsabilidade de Google e dos seus provedores e distribuidores en caso de morte ou danos persoais, fraude, declaración fraudulenta ou calquera outro tipo de responsabilidade que non se poida excluír segundo a lei.

11. Leis que rexen as Condicións

Se non vives en ningún país do Espazo Económico Europeo nin en Suíza, aplicaranse as leis de California (Estados Unidos), con excepción das disposicións referentes aos conflitos de leis, ás disputas que deriven destas Condicións ou estean relacionadas con elas ou con Google Drive. Todas as reclamacións que xurdan a partir destas Condicións ou que estean relacionadas con elas ou con Google Drive procesaranse exclusivamente nos tribunais federais ou estatais do condado de Santa Clara (California, Estados Unidos), polo que tanto ti como Google aceptades sometervos á xurisdición persoal exercida neles.

Se vives nalgún país do Espazo Económico Europeo ou en Suíza, as leis e tribunais do teu país de residencia aplicaranse a calquera disputa derivada destas Condicións ou relacionada con elas ou con Google Drive. Ademais, podes emprender accións legais nos tribunais correspondentes ao territorio no que resides. Para resolvelas en liña, as disputas poden enviarse a través da plataforma de resolución de litixios en liña da Comisión Europea.

12. Acerca destas Condicións

Podemos modificar estas condicións ou calquera outra adicional aplicable a Google Drive, por exemplo, para reflectir cambios en Google Drive ou nas leis, nos usos e costumes, ou nas políticas de carácter económico ou político; como resposta ás directrices emitidas por organismos reguladores ou asociacións empresarias destacadas, ou para permitir que Google cumpra as súas obrigas. Recomendámosche que consultes estas Condicións de forma habitual, xa que publicaremos avisos relacionados coas modificacións das Condicións nesta páxina. Tamén publicaremos avisos referentes aos cambios que se produzan nas condicións adicionais (de agora en diante, “Condicións adicionais”) de Google Drive. Informarémoste con suficiente antelación dos cambios máis relevantes das Condicións. Os cambios non terán efecto retroactivo e entrarán en vigor nun prazo non inferior a 14 días contados desde a data na que se publicaron ou na que se che comunicaron. No entanto, as modificacións que afecten a novas funcións (de agora en diante, “novos servizos”) ou que sexan debidas a cuestións legais aplicaranse de forma inmediata. Se non aceptas as condicións modificadas aplicables a un novo servizo, deberás deixar de usalo (le a sección referente á cancelación do servizo, que está máis arriba, para obter máis información ao respecto).

No caso de que existan discrepancias entre estas Condicións e as Condicións adicionais, prevalecerá o estipulado nestas últimas.

Estas Condicións rexen a relación que se establece entre Google e ti, e non xeran ningún tipo de dereito do que poida ser beneficiario un terceiro.

Se non cumpres estas Condicións e Google non toma ningunha medida ao respecto de forma inmediata, non se entenderá que Google renuncia aos dereitos que lle poidan corresponder (como, por exemplo, emprender algunha acción no futuro).

No caso de que unha condición determinada non sexa de obrigado cumprimento, as condicións restantes non se verán afectadas.

Para máis información sobre como contactar con Google, visita a nosa páxina de contacto.